17 abr 2008




Carteis das XX Xornadas de Banda Deseñada
(vía Benito Losada)

O artista lucense Alberto Guitián, afincado nos últimos anos en Barcelona, foi o encargado de facer o cartel da vixésima edición das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, que decorrerán na cidade das Burgas entre o 1 e o 18 de outubro. Como se trata dunha edición especial, por chegar ao número vinte, o cartel deste ano recibirá excepcionalmente unha dobre edición: en vez de un serán dous os carteis oficiais das XX Xornadas. En ambos, Guitián achégase con humor a
coñecidos personaxes dos cómics, facendo mesturas sorprendentes: un dos carteis mostra a Tintín convertido no Incrible Hulk, e o outro un cruzamento entre Popeye e Hellboy.
Ambos os carteis estarán expostos no stand de promoción da BD Galega da Consellería de Cultura no Saló del Còmic de Barcelona (17-21 de abril).
Alberto Guitián (Lugo 1974) é Licenciado en Belas Artes pola Facultade de Pontevedra. Gañador de numerosos galardóns nas convocatorias da Xunta de Galicia, tamén foi premiado polo Injuve en 2003, así como en diversos certames de caricatura. Foi co-fundador a galería de arte Wootelo, en Lugo. Foi autor das series «Malas pulgadas» e «Petaco», que se publicaron semanalmente na revista Mister K (Ediciones El Jueves). Ten colaborado en publicacións como O Fanzine das Xornadas, Golfiño Bíblia, TMEO ou Mono Gráfico; actualmente colabora nas revistas Amaníaco, Cabezabajo, BD Banda, Barsowia e Retranca.

No hay comentarios: