29 mar 2008



Retrato do poeta Manuel Curros Enríquez

CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL. 1914: CURROS EN “PLATERO Y YO” (Marcos Valcárcel)


Foi neste ano, exactamente o día de Nadal e na “edición
menor” de La Lectura cando o poeta de Moguer publicou a primeira edición de Platero y yo. No capítulo dezasete deste libro “para nenos”, o titulado “El niño tonto”, hai unha alusión directa ao poeta galego Curros Enríquez: “Un día, cuando pasó por la calle blanca aquel mal viento negro, no vi ya al niño en su puerta. Cantaba un pájaro en el solitario umbral, y yo me acordé de Curros, padre más que poeta, que, cuando se quedó sin su niño, le preguntaba por él a la mariposa gallega: Volvoreta d’ aliñas douradas...”. Hoxe sabemos, por Alonso Montero, que Juan Ramón Jiménez coñecía desde novo o poema “¡Ai!” de Curros, citado nese texto, e que tamén fixo traduccións de Rosalía e de A Virxe de Cristal, poetas que lera no Ateneo de Sevilla e dos que gardaba na casa as primeiras edicións moitos anos despois (1958).
No mesmo ano de 1914 remataban de publicarse, cun tomo seis, as Obras Completas de Curros Enríquez. Pola súa banda, Eugenio López Aydillo publicaba en Madrid a súa escolma Las mejores poesías gallegas, a segunda antoloxía galega do século XX (posterior á de Carré Aldao), dividida en dúas partes, unha primeira sobre poesía trobadoresca e unha segunda sobre os poetas do seu tempo. Outro libro desas datas foi La aldea gallega, publicado en Cádiz, importante estudo sociolóxico de Nicolás Tenorio arredor do mundo tradicional galego.

No hay comentarios: